"Actualidade" e "teoloxía moi profunda" nos libros "É Cristo que pasa" e "Amigos de Deus"

O bispo de Tui-Vigo, don Luís Quinteiro Fiuza, salientou a vixencia das homilías de san Josemaría publicadas por primeira vez hai medio século. Nelas “seguimos a encontrar unha mensaxe transcendente que nos enche o corazón. Estes libros chegaron nun momento que renovan a nosa ilusión por eles”. Falaba don Luís de "É Cristo que pasa" e "Amigos de Deus" que ven de publicar por primeira vez en galego pola editorial Agoeiro.

Jorge C. Alonso, don Luis Quinteiro, don Ignacio Aparisi e Rosa Montenegro na primeira presentación dos libros

A primeira das presentacións dos dous libros de homilías de san Josemaría tivo lugar na sede de Afundación, en Vigo, o 27 de setembro. O acto foi presentado pola pintora Marieta Quesada. Don Luís tamén dixo: “San Josemaría vainos propoñendo unha teoloxía moi profunda” nos dous libros. Ademais das palabras do bispo de Tui-Vigo pechando as intervencións, falaron a pedagoga Rosa Montenegro, o editor Jorge C. Alonso, e o vicario do Opus Dei na delegación Noroeste de España, don Ignacio Aparisi.

Despois de agradecerlle ao bispo de Vigo que fixera o prólogo de "É Cristo que pasa", don Ignacio dixo que a tradución de Araceli Filgueira axudará a divulgación de estes importantes libros de espiritualidade e axudarán a manter viva a lingua galega.

“Para qué en galego?”, preguntouse Rosa Montenegro que falou do contido dos libros. A resposta, dixo, está “na súa homilía Para que todos se salven ese é o para qué en galego. ¡Para que a toda a terra alcance o seu pregón!, di o salmo”.

Cada un destes libros contén 18 homilías que foron traducidas ao galego por Araceli Filgueira Iglesias que non podía estar na presentación polo que enviou unha intervención gravada na que explicou as dificultades que atopou na tradución e como as foi resolvendo. As palabras de Araceli estiveron acompañadas de fotos nas que se vía traballando nestes libros.

Medios de comunicación como Faro de Vigo e La Voz de Galicia recolleron reseñas da presentación e Diario Luso-Galaico publicou un amplo reportaxe con vidios das distintas intervencións. https://www.diarioluso-galaico.

Estes libros de homilías tamén foron presentados en Santiago nun acto que tivo lugar na sede de Afundación e que foi presentado pola filóloga María Antonia de la Iglesia. Neste caso interviron o editor, Jorge C. Alonso, o catedrático da Universidade de Santiago, Antonio Carlos Pereira, e o vicario, Ignacio Aparisi.